Thursday 16 de May de 2024

Profesores do CEIP de Pedrouzos (Brión) e de dous colexios de Zamora participan nun intercambio de boas prácticas profesionais


Os docentes zamoranos foron recibidos polo alcalde José Luís García

Profesores do CEIP de Pedrouzos (Brión) e do CEIP Nuestra Señora de la Paz (Villaralbo. Zamora) e CRA Valle de Valverde (Burganes. Zamora) participan estes días no proxecto de innovación “Observa_Acción”, un programa de formación para o desenvolvemento docente a través da observación, o intercambio e a formación na acción educativa. Así, dez docentes dos centros zamoranos desprazáronse esta semana a Brión, onde esta mañá foron recibidos polo alcalde de Brión, José Luís García, e a concelleira de Ensino, Iolanda Bouzas.

José Luís García amosouse moi interesado nesta iniciativa pois “todo o que sexa intercambio de experiencias educativas redundará en beneficio dos nosos alumnos e alumnas”. García recibiu aos docentes no salón de plenos, que acudiron acompañados polo director do CEIP de Pedrouzos, José Antonio Martínez Lista.

O alcalde explicoulles un pouco a realidade do municipio, onde os docentes se amosaron moi sorprendidos pola dispersión poboacional existente en Galicia, como puxeron de manifesto os 107 núcleos de poboación dun municipio como Brión. Para que coñeceran mellor a realidade brionesa, García e Bouzas agasallaron aos docentes con dous libros: “Brión: historia, economía, cultura, arte” e “Brión en fotos”.

Os docentes zamoranos agradeceron a recepción e salientaron que este proxecto é unha aposta pola innovación e a formación do profesorado zamorano e brionés, que posteriormente devolverán esta visita a Zamora. O obxectivo do proxecto “Observa_Acción” é buscar novas vías de formación do profesorado, facilitándolles a posibilidade de observar de forma directa outras metodoloxías e enfoques didácticos nos procesos de aprendizaxe dos alumnos que se utilizan noutras comunidades.